Blogia
Andresadas

O último anuncio de Fiat: atentado contra a muller para FACUA

A federación de consumidores FACUA considera que o último anuncio de Fiat pode resultar ofensivo para a muller. Neste cartel publicitario cuxo slogan es: " Precises o que precises, Fiat dacho", aparecen seis carteis, con seis mulleres semiespidas, anunciando, en diferentes casos, obxectos ou artigos para o uso masculino.

A marca Fiat elixiu os diarios deportivos ( principal tipo de prensa lido polo xénero masculino), para difundir o seu cartel e a súa campaña. A federación de consumidores en acción (FACUA), solicitou a retirada inmediata deste reclamo publicitario, xa que considera que a imaxe da muller é degradante, e que o slogan empregado pola compañía non é o acertado nin o adecuado. Segundo FACUA, o anuncio cae nunha actitude de mal gusto e totalmente machista. Outra das frases que incitan claramente á compra a través das figuras das seis mulleres que aparecen na imaxe é a seguinte: " Temos un vehículo comercial Fiat adaptado ás necesidades de cada un dos clientes.". Ademais, a forma de calendario lembra tamén ós calendarios que elabora a revista masculina Playboy, utilizando as mellores fotografías, plasmando cada unha das mulleres nun mes distinto. Así xorden Miss April, Miss May..., e este anuncio suxire entón o mesmo que esta coñecidísima revista.

FACUA non descansará ata que este anuncio sexa retirado polas autoridades, xa que considera este anuncio como claramente sexista, e ademais en contra da Lei Xeral da Publicidade, xa que o anuncio está prohibido polo artigo terceiro, no que se fala de publicidade desleal, subliminal e enganosa; ademais de que se mostra en contra daqueles anuncios que plasmen á muller de forma vexatoria, e que ensinen o corpo da muller sen ter absoluta relación co produto ou servizo que se está a promocionar ( neste caso, un vehículo non ten relación ningunha cunha muller mostrando o seu corpo ¿ non?).

A MIÑA OPINIÓN

Penso que este anuncio vai dirixido claramente para o público masculino, o que, en teoría, descarta o uso do automóbil para as mulleres, ¿ é isto xusto? Parece ser que á marca só lle interesa o grupo masculino, que é, por unhas cousas ou outras, o comerciante, o que dirixe a súa empresa, e, tamén, o conductor. Estes roles veñen dados de anos atrás, e... ¿ ainda seguimos pensando igual? ¿ non vos semella estes calendarios a aqueles que teñen os talleres e os mecánicos para traballar? Non estou en contra destes carteis, en absoluto, creo que cada un pode colgar o cartel que máis lle guste, pero non creo que estes calendarios deban ser a imaxe que Fiat queira transmitir para os consumidores. Pero, para min, a razón non é a mostra do corpo da muller no reclamo publicitario, senón o simple feito de que a marca está a negar o uso do automóbil á muller, o que considero máis grave que o anterior.

E vós... ¿ qué opinades?

0 comentarios